O viaduto de Pontevedra é unha das dúas pontes ferroviarias que atravesan o centro da vila pontevedresa de Redondela, xunto co viaduto de Madrid. Foi inaugurado no ano 1884 polo enxeñeiro e arquitecto Mariano Carderera Ponzán (1846-1916), oito anos despois da inauguración do viaduto de Madrid. Até comezos do século XXI estivo en funcionamento, soportando a pasaxe de convois da liña Vigo-A Coruña. Deixou de usarse coa inauguración do eixe atlántico de alta velocidade.